O mais grande de ti.

Un eterno retorno do mesmo…

“O peso máis grande.— E se un día ou unha noite un demo vai tras de ti ás
agachadas deica a máis solitaria das túas soidades e che di: “Esta vida, como ti
agora a vives e como a tes vivido, terala que vivir unha vez máis e innumerables
veces máis; e nela non haberá nada novo, senón que cada dor e cada pracer e cada
pensamento e suspiro e todo o indiciblemente pequeno e grande da túa vida terá
que tornar a ti, e todo na mesma orde e sucesión – e así esta araña e este luar entre
as árbores, e así este intre e eu mesmo. O eterno reloxo de area da existencia é
virado sempre de novo – e ti con el, migalliña de po!”? Non te botarías polo chan
renxendo os dentes e maldicindo o demo que así che falou? Ou é que ti algunha vez
viviches un instante inmenso, no que lle responderías: “ti es un deus e eu nunca oín
nada tan divino!”? Se tal pensamento se apoderase de ti, tal como ti es agora, te
transformaría e quizá te esmagaría; a pregunta sobre todas e cada unha das cousas
“queres isto outra vez e innumerables veces máis?” gravitaría sobre a túa acción
como o peso máis grande! Ou, como terías que estar reconciliado contigo mesmo e
coa vida para non desexar xa nada máis que esta última eterna confirmación e
resolución?”


F. NIETZSCHE; A gaia ciencia («La gaya scienza»), Libro IV, § 341 Trad. de Rafael
Martínez Castro (USC)